Friday 26 de April de 2024

A Deputación destina preto de 91.000 euros á adecuación do Polideportivo do Cruz do Sar de Bergondo á normativa de seguridade e incendios


O proxecto inclúe tamén a reparación de humidades e a renovación da carpintería interior

A Deputación da Coruña acordou no último pleno provincial facer unha achega de 90.773,52 euros ao Concello de Bergondo co obxectivo de que poida adaptar o polideportivo do CPI Cruz do Sar á normativa vixente de seguridade de utilización e incendios.

As obras consisten na reparación da pista deportiva, na actualización das instalacións en materia de seguridade de uso e seguridade en caso de incendio e noutros tipo de traballos como a reparación de humidades, a renovación da carpintería interior e a dotación dun acceso para vehículos, xa que do que se dispuña modificouse para facer un acceso para persoas con problemas de mobilidade.

A achega da Deputación permitirá asumir o 64% do custe total da reforma, que ascende a 141.833,63 euros.